miércoles, 24 de noviembre de 2010

Nace o Foro Vilalbés de Debate e Cooperación "Martín Seco Cendán"


Coa denominación Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín A. Seco Cendán”, constitúese unha nova ENTIDADE SEN ÁNIMO DE LUCRO no Concello de Vilalba, esta constitución está baseada nos tres principios esenciais da vida do vilalbés que da nome a esta asociación:

.
En primeiro lugar, a VALENTÍA DO COMPRIMISO COMO CIDADÁN. Escribía o profesor Pombo o día do seu funeral, que detrás da vida de Martín, estaba a dun home da polis como entendían os gregos, na que as ideas estaban ao servizo da convivencia. A vida de Martín estivo marcada polo concepto de cidadán, comprometido cos valores democráticos da sociedade que lle tocou vivir, favorecendo todos aqueles mecanismos que fixeran de Vilalba, unha sociedade máis participativa, máis democrática e onde as diferencias entre iguais, foran un valor de enriquecemento e non de discriminación por parte das opcións maioritarias. A vida de Martín está chea de renuncias persoais, de valentes posicionamentos que primaban os ideais sobre o lucro persoal e cun comportamento político que buscaba o ben común antes que pequenos intereses partidistas. Este compromiso como cidadá, e coa participación na vida política e social do noso concello será un dos tres eixes que determinen a posta en marcha desta asociación.

.
En segundo lugar, a SOLIDARIEDADE. É sen dúbida o principio básico que fixo de Martín un home especial. Dicía nunha entrevista recente, que se metera en política para intentar cambiar o mundo dende Vilalba. A súa obsesión vital era traballar para que todos os seres humanos puidesen ter acceso a unha vida digna. Sen dúbida, Martín será lembrado pola súa incesante dedicación a axudar a aqueles que o necesitaban; foi a súa actividade predominante, incluso por riba do seu traballo político. Son moitos os que nestas datas, recordan algún tipo de xestión que Martín realizou para intentar solucionar algún problema que lles preocupaba. Os seus didácticos comportamentos vitais eran un exemplo para que os máis, entendesen e aplicasen os valores da solidariedade. Por todo isto, a solidariedade será outro dos pilares básicos desta nova asociación.

.
En terceiro e último lugar, VILALBA. Falar de Martín é falar dun anaco de Vilalba. Alí onde se atopaba, a nosa Vilalba tamén estaba presente. Non lembro ningún proxecto que nacese na nosa vila, no que non puxese o seu gran de area ou o seu apoio aos que tiñan o valor de desenvolvelo. Lonxe de interferir na vida das asociacións e organizacións que non contaban co seu traballo directo, sempre apoiaba e colaboraba con elas para conseguir a continuidade dos proxectos e, en última estancia, a existencia dunha sociedade viva. A vida do Concello, o asociacionismo, a potenciación da actividade económica vilalbesa, o desenvolvemento do noso rural eran temas que preocupaban especialmente a Martín, como apuntaba o ex-conselleiro Francisco Sineiro nun artigo recente, que destacaba a preocupación e o traballo constante de Martín pola actividade económica da Terra Chá. Por iso, Vilalba, as súas xentes, a súa cultura, e os seus recunchos tamén serán outro dos pilares que sosteñan esta nova asociación.

.
Estes tres eixos, acompañados da honra e a lembranza da figura de Martín Seco Cendán, son os que farán brotar o froito desta curta vida tan chea e intensa, para continuar cun proxecto que non debería ter fin.


FINS DA ASOCIACIÓN


Recordar e homenaxear a figura do vilalbés, “Martín Seco Cendán”.

No ámbito da Cooperación:

1.     Promover e fomentar accións de desenvovemento humano sostible e a expansión e consolidación dos valores da igualdade e xustiza social.

2.     Participar activamente na construción dun mundo máis xusto e solidario.

3.     Sensibilizar, mobilizar e concienciar á sociedade na que vivimos, dos problemas existentes no mundo que nos rodea.

4.     Colaborar con aquelas Organizacións non Gobernamentais que compartan os ideais da nosa organización.

No ámbito do Debate e a Participación:

5.     Crear un foro de debate e participación cidadán para unir vontades dos que entendemos a democracia, non como un dereito que se exerce só cada catro anos, senón como unha tarefa de participación cotiá en tódolos asuntos que directa ou indirectamente nos atanen.

6.     Crear un movemento cidadán que aborde, dende unha perspectiva popular, os dereitos de cidadanía, que busque información sobre os temas que nos interesan, que elabore propostas, faga crítica construtiva e promova novas canles de participación dos cidadáns na causa pública.

7.     Consideramos que a mera crítica individual, leva á frustración e á desmobilización e beneficia o trunfo dunha sociedade morta, por elo, invitamos a tódolos veciños de Vilalba a participar na posta en marcha dun movemento cidadán crítico, autónomo, sen formulacións predeterminadas por ninguén, autoorganizados, que poidamos dialogar e conversar, acordar, propoñer e producir un espazo de encontro que responda só ás necesidades sentidas por todas e todos os que formemos parte del, promovendo a trama asociativa, a forza do común e o pensamento propio. 

No ámbito sociocultural e medioambiental:

8.     Apoiar e promover movementos culturais no noso concello a tódolos niveis da cultura, promover e defendelo uso da nosa lingua.

9.     Dinamizar a vida socio-cultural e política do noso concello, a través de tódolos actos e actividades que se poidan realizar.

10.   Protexer o medioambiente e fomentar aquelas actividades que axuden a conservalo


Para o cumprimento destes fins realizaranse actividades como:


1.     Organizar e participar en actividades que fomenten os valores de solidariedade e cooperación.

2.     Promover accións que axuden a construír un mundo máis xusto e solidario.

3.     Colaborar con outras Organizacións que desenrolen actividades no campo da Cooperación.

4.     Reunións periódicas de debate, recollida de información dos datos a tratar, difusión das nosas ideas a través de charlas públicas, paxina web, e outros medios lexítimos de comunicación.

5.     Organización de charlas e debates entre os nosos representantes políticos e sociais.

6.     Organización de encontros de confraternidade.

7.     Creación do premio “Martín Seco Cendán” a persoas comprometidas cos valores que dan vida a esta organización, coa nosa cultura e coa nosa sociedade

8.     Outro tipo de actividades que fomenten a cultura e a vida social no noso concello

9.     Realización de calqueira outra actividade acorde cos fins desta asociación.